Sunday 12 de May de 2024

A Procesión de San Cristovo regresa por oitava ocasión ás rúas de Riveira logo da súa recuperación pola asociación Alfaia


Por oitava ocasión dende que fora recuperada no 2012 pola asociación Alfaia, este domingo 7 de xullo regresará ás rúas da cidade a tradicional Procesión de San Cristovo, cuxo itinerario foi presentado hoxe na Casa do Concello pola concelleira de Cultura, María Sampedro; o párroco de Santa Uxía, Alfonso Mera; e a vicepresidenta de Alfaia, María José Carreira, quen desculpou a ausencia da presidenta Maricarmen García Torrado por cuestións laborais.

Ás 11 terá lugar a actuación do grupo de gaitas Xiada polas rúas da cidade e concentración de vehículos no Malecón.

Ás 12 haberá unha misa solemne na igrexa de Santa Uxía, cantada pola Coral Polifónica do Círculo Mercantil de Riveira. Nesta liturxia lembrarase ás vítimas de accidente de tráfico e en especial estará dedicada a Sata e Abraham, falecidos recentemente en accidente de circulación.

Acto seguido terá lugar a procesión, con acompañamento da imaxe de San Cristóvo dos clubs Os Reventapistóns e Galicia Garage e de todos aqueles que queiran participar no desfile, que pasará pola rúa Galicia, Romero Ortiz ata o Malecón, onde terá lugar a bendición dos vehículos e posterior percorrido por García Bayón, Padín, Lepanto, Miguel Rodríguez Bautista, Alcalde Fernández Bermúdez e Galicia ata o regreseo ao tempo parroquial.

Todos os comparecentes animaron á veciñanza a participar na procesión.